Aviso legal

Crónica de Chuches Amil na Ínsua dos Poetas, A Esgueva (Madarnás, Ourense)

Un singular parque dedicado á palabra e á literatura galegas, un monte onde as esculturas e os monumentos consagrados a grandes poetas gaña terreo á lama e aos toxos e silvas, debuxando unha contorna espléndida que medra cada ano a prol dunha nova figura senlleira.

O seu feliz deseñador é o poeta Luís González Tosar, quen donou unha herdanza do seu pai para que fose propiedade pública e lugar de recreo para honrar a creatividade da nosa fala.

Aquí temos pousando ledos a Fran Amil e Fernando Román no espello que anuncia o magosto. Canta xente entrou no outro lado do espello atopou unha Ínsua dos Poetas na que se podía conversar con figuras senlleiras da nosa literatura, ao tempo que se debullaban castañas asadas. Mimá, que delicia dobremente gorentosa!!

Neste sobranceiro espazo, diciamos, tivo lugar un impresionante e rumboso magosto no que houbo chourizos, pan, castañas asadas, bicas e bebidas a tutiplén. Houbo tamén unha chea de xogos para que a rapazada gozase da tarde, e mesmo un poni para darlle unhas voltas a tan fermosa paraxe. Na foto de Grupo de Especialistas Hípica Celta vemos os hinchables.

Houbo unha riada de xente ao longo da tarde-noite, un poder de convocatoria extraordinario que Chuches Amil, coa banda ao completo, soubo aproveitar para levar a festa a unha altura de calor que logo prolongou a cacharela, como testemuña a foto de Grupo de Especialistas Hípica Celta.

Fran Amil subíu ao escenario só, e foi presentando os diferentes instrumentos e falando de cadansúa familia: a corda, o vento, a percusión, e axiña colleu a guitarra acústica e xuntoulle outros dous fenomenais instrumentos, a súa propia voz e o baixo tocado polo anxo Antón Torroncho, para cantar “Pequerrecho melenudo”. Un arranque insólito pero moi ben recibido.

Axiña apareceron no escenario Martín Aparicio para tocar a batería (un mozo que fixo o seu prometedor debut con nós neste magosto) e Plácido García esvarando os dedos pola guitarra eléctrica coa súa habitual mestría. Enfiaron un rock and roll bravo, “Os porcos das fragas do Eume”, que axitaron os corpos e os pés de todos os presentes.

Na terceira canción incorporouse outra peza do monstro-orquestra que configura o conxunto de Chuches Amil: Fernando Román tocando o saxofón, o clarinete e a trompeta, precisamente nese monumento de canción que é “O monstro orquestra”.

Que marabilla escoitar á banda ao completo, que xeito de recrear as cancións xa coñecidas e convertelas en algo novo e ao tempo recoñecible.

A tarde pasou nun suspiro, e rematou a actuación co himno da rapazada: “O porvir é meu”. O porvir pinta moi ben con festas, espazos e público tan sensacional como o do magosto vivido na Ínsua dos Poetas. Hai que repetilo!!!

Grazas a Luís González Tosar e, moi especialmente, a Valentín García Gómez por apoiarnos neste día.

Nas novas da televisión de Carballiño, Badal, hai unha entrevista con Fran Amil, que vai dende o minuto 2:12: ao 3:30. E nos 15 minutos que dura a nova atoparedes as impresións de moita xente que por a Ínsua dos Poetas gozou a eito.

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información en nuestro aviso legal.



Acepto