Relatos

Debuxo: Unai Miguel Debuxo: Unai Miguel

A corda máxica

Hoxe traemos unha anécdota tan increíble que estou certo de que moitos de vós dubidaredes de que sexa certa. Pero, lembrade, só as anécdotas increíbeis son certas. As anécdotas normais son tan normais que ninguén as conta, porque para perder o tempo mellor botamos unha soneca, e así, no canto de perdelo, gañamos o tempo. E se non gañamos, tampouco perdemos porque, de seguro, alomenos descansamos.

Ao conto, meus e miñas. Estabamos nun concerto na sala Magán, en Santiago, e no medio de “Con ou sen consentimento” a guitarra de Fran Amil rompeu unha corda. Fran fíxome un aceno discreto para que lle achegase a corda de recambio, pero descubrín avergonzado que esquecera o paquete de cordas no estudio.

De súpeto, un asubío no fondo da sala fixo que virásemos todos a cara contra un home ataviado cun chapeu de meigo coa man erguida. Na man tiña unha corda enrolada. Cun sorriso, botou a corda a voar polo aire cara Fran.

Segundo viaxaba por riba das cabezas dos asistentes, a corda desenrolabase e, ao chegares ao escenario, acoplouse limpamente á guitarra de Fran, sen axuda de ninguén.

E se pensades que esta abraiante anécdota remata aquí, estades ben errados.

A categoría do suceso sería abondo extraordinaria aplicada a calquera músico, pero con Chuches Amil xa sabedes que o extraordinario acada categoría de ordinario se non se lle engade nota nova algunha. Aínda estaba por vir o máis alucinante.

Chuches Amil encetou a ilusionante canción “O porvir é meu”, e de primeiras todo ía sobre rodas, coma sempre. Pero no medio da canción, agromaron, acanda os acordes de “O porvir é meu”, as notas de guitarra doutro clásico dos nosos concertos: “Ñam-Ñam”. Todos os presentes pensabamos que Fran se trabucaba no manexo da guitarra, pero o máis sorprendido de todos era o propio Fran. E o mesmo pasou co seguinte tema, “Noite de Samaín”. Ao pouco de empezar a festiva canción dos mortos de Samaín, soaron ao mesmo tempo as notas guitarreiras de “A auga, patos”.

E así todo o concerto. Fran tocaba un tema, e a guitarra respondía con outro diferente ao unísono. Cando saímos do abraio, decatámonos de que estabamos a gozar de dous concertos polo prezo de un, grazas ao emprego dunha corda máxica aparecida de xeito tan pasmoso.

As cousas que pasan nos concertos de Chuches Amil! Saúde e non deixedes de escoitar, cantar e bailar as nosas pegadizas cancións, meus e miñas.

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información en nuestro aviso legal.



Acepto