Relatos

Debuxo: Anxo Padín Debuxo: Anxo Padín

Non vale parar

Pasou en A Sacabeira, un café bar cultural en Sargadelos (Cervo). Os que tivestes a sorte de asistir a unha actuación de Chuches Amil sabedes que unha parte da canción “Neve a esgalla” convértese nun motivo de enganche entre canción e canción. Ao berro de “Non vale parar!”, o concerto practicamente vai seguido sen pausas.

Nunca comezamos un concerto coa canción Neve a esgalla, e non lembro cal foi o motivo de abrir con ela o concerto esa tarde en A Sacabeira.

O caso foi que ao berro de “Non vale parar!”, case sen decatarse, Chuches Amil fixo un bis da canción “Neve a esgalla” como segundo tema. O que pasou a seguir non son quen, aínda hoxe, de atopar explicación.

Outravolta, despois do mantra “Non vale parar!”, Chuches Amil tocou íntegra “Neve a esgalla” por terceira vez!

E así ata o final do concerto. Coido que nunca tal cousa pasou en concerto ningún de músico ningún: coarenta minutos de concerto integrado por unha única canción tocada e cantada máis dunha ducia de veces. E ao rematar, a xente pedía de bis “Neve a esgalla”.

Moitos dos asistentes a esa tarde máxica, dixeron que fora o mellor concerto da súa vida.

A música de Chuches Amil engancha a niveis insospeitados. Saúde e cancións (de Chuches Amil), meus e miñas. Non vale parar!!!

(Se premedes enriba do debuxo, verase máis grande. Para recuperar o tamaño inicial, premer fóra do debuxo)

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información en nuestro aviso legal.



Acepto