Relatos

Debuxo: Unai Miguel Debuxo: Unai Miguel

O neno invisible

Pasou en Mos, na actuación de Chuches Amil no III Miúdo Fest. Como sempre, xs máis pequerrechxs arremuiñáronse diante do escenario, a bailar e xogar ao ritmo dos acordes da imparable música do noso grupo favorito.

Durante a interpretación de O monstro–orquestra un neno ceibouse a bailar de xeito frenético. A xente aplaudía a rabiar os rapidísimos e aínda así elegantes pasos que o cativo encetaba cada volta máis acelerado, e mesmo o grupo contaxiouse da velocidade e tocou a canción máis rápido ca nunca.

E sucedeu. Diante dos abraiados ollos de cantos alí estabamos, o neno acadou tal velocidade nos xiros do seu corpo que, de súpeto, desapareceu diante de todos nós.

Enterámonos todos do fenómeno, agás os membros do grupo. O baixista tamén comezou a desaparecer a ollos vista, así que me vin na obriga de subir ao escenario e pedirlle aos músicos que desacelerasen o ritmo.

A canción retomou a súa velocidade normal aos poucos, e baixista e neno reapareceron tan tranquilos, como se nada raro tivese sucedido.

Creo que foron os únicos que non se decataron de que desapareceran. Ás veces dáme por pensar que en realidade fomos vítimas dunha alucinación colectiva. Que pensades vós disto, meus e miñas?

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información en nuestro aviso legal.



Acepto