Os monstros xa non queren asustar
Hai ocasións nas que estamos ben empanados. Sabedes cando din aquilo de que hai que estar ao que hai que estar? Nós caso non fixemos, e pasou o que pasou. E pasou en terra meiga. Por unha vez, excusade que non concrete a praza, pero os nosos anfitrións non son de recibir xente, senón de asustala.
Convidaronos a actuar na asociación Mete Medo, composta por monstros profesionais, co galo de celebrar o Samaín. O concerto foi un éxito de medo, con tódolos monstros de festa rachada, bailando sen parar e algúns mesmo sen pés. Un dos mellores concertos fantasma de Chuches Amil.
Gardamos para o bis final a canción Os monstros xa non queren asustar. E aí enleouse o conto. Un monstro pequerrecho, melenudo, deixou de bailar cun berro de noxo. Subíu ao escenario alporizado, ceibou un croque en Fran, arrebatoulle o micro, e largou un mitin que nos deixou a todos, especialmente aos de Chuches Amil, tremando.
O monstro estivo ouveando e rifando máis de media hora, laiándose de que unha asociación de asustadores profesionais contratasen a uns aprendices de musiquiños que ousaban cantar que os monstruos xa non queren asustar. E ensarillou sentencias como: un monstro que non asusta non é un monstro, é un feirante; un afeccionado na procura dun contrato televisivo; un ser vulgar disfrazado de metemedo para chamar a atención; e así un fato de piropos que metían medo.
Segundo ía alporizándose, o monstro pequerrecho medraba e medraba e botaba lume polos ollos e lixo pola boca.
Non sabemos como rematou o conto, porque nun descoido dos presentes fuximos a fume de carozo. Aló quedaron batería e guitarras, pero calquera vai buscalas! Entendédeme ben, non é que teña medo, pero cada vez que penso niso teño que cambiar de roupa interior.