Relatos

Debuxo: Anxo Padín Debuxo: Anxo Padín

Pintando nas paredes

Se non o conto, rebento.

Pasou contra as once e media da mañá no colexio CEIP San Xoán da Filgueira. Todo o alumnado atopábase no recreo, xogando ao fútbol, ás quedas, á buxaina, á pita cega, a balonmán, ao salto á corda, e mesmo a hockey a patíns. Tamén había rapazada debuxando en paredes brancas con xices de cores, ou arremuíñada arredor dunha nena contacontos que narraba a última película visionada na pantalla grande dun cinema.

Nun recuncho, afastadas, dúas raparigas compartían os cascos dun ipod e bailaban ao compás, alleas ao balbordo do recreo.

Paso a paso, o baile achegou ás bailarinas á parede branca. Ao compás (todo facíano ao unísono) ámbalas colleron cadanseu xiz e debuxaron un estrado unha, e o grupo musical Chuches Amil a outra. Fixeron un debuxo tan detallado que mesmo semellaba unha foto.

Unha das raparigas ceibou o casco da súa orella e prendeuno da orella do Fran Amil debuxado. E sucedeu.

Ao escoitar a música, o Fran debuxado corporizouse, e estrado e músicos cobraron vida e actuaron para tódolxs presentes.

Nese preciso instante, atópabame eu con Fran no estudio, ensaiando as cancións dun novo disco, e vin cos meus propios ollos como a figura de Fran se invisibilizaba aos poucos ata desaparecer por completo.

Tardou unha hora en reaparecer, suando derreado pero feliz. Contou que viña de actuar nun colexio diante dunha rapazada entusiasta.

Chamei ao médico e conteille o que viña de pasar. O médico mandou de contado unha ambulancia e levaron a Fran ao hospital psiquiátrico, tamén chamado manicomio.

Por certo, hai só un minuto chamaron por teléfono do CEIP San Xoán da Filgueira, preguntando canto tiñan que pagar pola espontánea actuación de Chuches Amil no recreo.

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información en nuestro aviso legal.



Acepto