Brais Fierro
Hoxe sentímonos moi ledos porque engadimos ás nosas fichas de colaboradores a de Brais Fierro.
Brais é un deseñador gráfico, debuxante e ilustrador moi novo e con moito porvir, que fixo os seus pereiriños en Demo Editorial, e semella que o fixo a plena satisfacción porque vén de publicar con eles neste outono de 2022 un álbum de banda deseñada, guionizada por Manel Cráneo e debuxada polo noso protagonista, nunha aventura titulada “Roxín Roxal. A daga do conde”. Tedes que lelo!!

Brais tamén deseñou a portada e o libreto do disco “Popsía Vol. I” de Fran Amil, editado no ano 2021. E a portada do disco “Aleluya” do mesmo ano
E é o autor dos debuxos da banda deseñada de Chuches Amil que fornecen a nosa páxina web na sección Chucherías, subsección Banda deseñada.
Tamén fai estupendos carteis de actuacións, como os de “Popsía” de Fran Amil.

Brais Fierro, un colaborador excepcional de Chuches Amil ao que temos en grande estima. Temos ou non temos motivos para estar ledos?
Esquerda, Manel Cráneo. Dereita, Brais Fierro.