Ilustracións

Ilustración: Xosé Cobas Ilustración: Xosé Cobas

Ilustracións 2020

(8 imaxes)

Este fermoso debuxo de Xosé Cobas ilustra de xeito maxistral a nosa canción “Con ou sen consentimento”. A escolla da canción foi cousa de Cobas, porque lle gustou especialmente o tema. El non sabía que existía unha velada relación entre a canción e el mesmo, e hoxe imos revelala: a canción foi composta por Fran Amil orixinalmente para formar parte da banda sonora da película “A casa da luz”, dirixida por Carlos Amil no ano 2008, baseada á súa vez na novela de Xabier P. Docampo do mesmo título e ilustrada, a novela, por... Xosé Cobas. Pero non remata aí a relación, pois o propio Cobas participou na película facendo algúns debuxos que aparecen na historia desenvolvida. A canción, final e magoadamente, non formou parte da banda sonora da película, e recuperámola para o noso disco “Monstros. Con ou sen consentimento”. E mira ti por onde, resulta que finalmente canción e ilustrador atopáronse dez anos máis tarde sen ter coñecemento previo un do outro. A maxia da música de Chuches Amil e os debuxos de Xosé Cobas mesturáronse para traermos esta marabilla audiovisual.


Javi Montes escolleu "Noite de Samaín" para ilustrar a nosa rumbeira canción adicada aos mortos festeiros, e agasallounos cunha deliciosa ilustración que engalanou moitos móbiles e pantallas de ordenador este Samaín 2020.


Temos dúas versións da ilustración de Montes, e, casualmente, tamén temos dúas versións da canción. Os que tedes a sorte de dispor na vosa selecta discoteca o noso libro disco editado por Galaxia na súa colección Sonárbore tedes a versión publicada, na que a guitarra española xoga un papel preponderante; e na sección Chucherías, subsección Agasallos desta nosa vosa páxina favorita, temos unha extraordinaria versión na que a frauta substitúe á guitarra española no inicio e nas pontes musicais. Esta versión, que vos recomendamos descarguedes de balde neste enderezo, é a que tocamos nos nosos concertos.


Laura Romero escolleu ao momento “O monstro orquestra” para agasallarnos cunha personalísima visión do protagonista da nosa canción. Unha ilustración rechamante, divertida, monstruosamente colorida, que dispara o noso desexo de bailar ao ritmo deste monstro tan musical.


A visión vertical de Laura céntrase nunha das principais e máis recoñecida facetas do noso monstro musical particular que é Fran Amil.


Laura, xenerosa, agasallounos con esta terceira visión alternativa á visión vertical. Dende aquí dámoslle unha monstruosa aperta mecosa, agarimosa e afectuosa, e porque non quedan máis sinónimos, e mesmo algún deixámolo para futura ocasión, se cadra. Non vaia ser que precisemos o sinónimo e fique a saca baleira.


Xulia Pisón aceptou o desafío de ilustrar “Merry Christmas, peludos”, e agasallounos cunha fermosa postal facendo nadal peludo e animalmente monstruoso. Unha imaxe das de toda a vida para gardar para sempre na memoria dun mes frío pero acolledor.


Na versión en vertical que nos achegou Xulia Pisón, podemos ver que agora animais e monstros xa colleron confianza e arrechegáronse para saír xuntiños na “foto”.

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información en nuestro aviso legal.



Acepto