Crónica Chuches Amil en Abegondo
Este é un verán abondo estrano. No canto da ledicia estival, goberna a preocupación polo porvir agoirado de medos apocalípticos. Para rachar esta catastrófica peripecia epidémica, Chuches Amil ofreceu un concerto de música festeira na aula de verán que o concello de Abegondo organizou no CEIP San Marcos. Precisamos moitos Abegondos valentes para recuperar as actividades culturais e sociais que nos axuden a mellorar a nosa condición colectiva.
É ben certo que a primeira impresión impresionaba, ollando á rapazada sentada e gardando a preceptiva distancia de seguridade, con cadansúa cadeira a un metro e medio da máis próxima, cun máximo de catro ocupantes por ringleira ata encher as quince ou dezaseis que completaban o patio cuberto do colexio.
Unha estampa inédita ata o de agora nun concerto de Chuches Amil: sen nenxs a bailar, ou a facer o tren arredor do escenario ou do patio de butacas, ou a brincar coas cancións máis contaxiosas e efervescentes, que resultan imposibles de conter aos pés a necesidade de botarse a bailar.
Pero nada pode impedir a arela de diversión da rapazada, e menos coa pegadiza música de Chuches Amil chegando directamente aos corazóns e ás emocións dos asistentes. Antía, Priscila e Belén, as encargadas de que todo funcione na aula de verán, contaxiaron o seu ritmo e agarimo, e a actuación foi a festa prometida en cada bolo do noso cantante favorito.
O mellor de todo, alén do pracer que supón sempre escoitar unha música tan universal e poderosa expresada na nosa fala con tal naturalidade, foi esa sensación colectiva de recuperar a tan nomeada ultimamente normalidade.
Tivo que pasar o que tivo que pasar para que todos fósemos conscentes da importancia das cousas normais: pasear, falar e xogar cxs amigxs e seres queridos, respirar sen filtros, bailar agarrados ou soltos, abrazarse.
E se facemos todo iso coa música de Chuches Amil como banda sonora, faremos da nosa vida unha película da que nunca quereremos ver a lenda “Fin”.