Novas

Debuxo: Brais Fierro Debuxo: Brais Fierro

Como estades, siareirxs de Chuches?

Vaia arrepío vimos de apañar todxs con isto da pandemia do Covid-19, tamén chamado o virus coroado porque se converteu no rei dos xermes patóxenos e perigosos. De primeiras, a xentiña caía coma moscas, e a seguir tivemos que nos aillar nas nosas casiñas: sen ver nin tocar a ninguén, sen poder ir acanda xs colegas, sen poder bailar con outrxs, sen apertas, ¡sen concertos en directo! Que desconcerto, colegas!

Que duro é artellar a vida SEN no canto de CON. Pero somos durxs coma croios e podemos con todo. Amenceu por fin o día da saída da cova, e foi fermoso descubrir que precisabamos máis ca nunca dxs amigxs.

Chuches Amil estamos de volta. O 24 de xullo actuamos no campamento de verán que organiza o concello de Abegondo. E xa temos programadas algunhas actuacións máis. Estade atentos á sección Próximos bolos, na que estamos certos de que iremos recuperando a normalidade esa da que tanto se fala (agora chamámola nova, ogallá axiña sexa vella).

Algún de vós poida que lembre que a primeros de ano prometimos sorpresas na páxina. Vímonos na obriga de retrasar o desembarco destas sorpresas. Pero a partires de setembro teremos novas, divertidas e sorprendentes seccións que vos farán pasar minutos e minutos de diversión e folgo. Entraredes na páxina cando vos pete, pero non sabemos cando poderedes saír: corredes perigo de engarcharvos e perder a noción do tempo. Poderedes ouvir cancións, ver videos, fotos, debuxos, historietas, participar en concursos, recibir agasallos…

Para que a espera non se faga moi longa, irémosvos achegando un par de artigos no mes de agosto, dentro da sección “Biografía”, na que contaremos algunas cousas divertidas ou abraiantes sucedidas nos nosos concertos. Estes artigos irán acompañados de ilustracións feitas por marabillosxs debuxantes unhas veces, e outras por fotos do noso cantante favorito.

Non vos impacientedes. Desfrutade dun verán ceibe de coronavirus, en compaña de amigxs e parientes. E cando teñades que volver ao colexio, se visitades a nosa páxina teredes a gratísima sensación de vivir sempre en verán e de vacacións.

Mentres, combatide contra o Covid-19 con sentidiño e máscaras. Aí tedes a Chuches Amil e os nosos queridos monstros acurralando ao monstro Covid-19 no fermoso debuxo de Brais Fierro.
Saúde e saúde. E por se non se me entendeu, máis saúde.

Debuxo: Brais Fierro

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información en nuestro aviso legal.



Acepto