Crónica Chuches Amil en Monterroso
O 16 de marzo celebrouse a “IV Feira do disco e o libro galego”, en Monterroso (Lugo). Organizado por “25 xastres” para dar conta das salientabeis novidades editoriais e discográficas no edificio coñecido como a cúpula.
Ás 12:00 da mañá tivo lugar a presentación de “Monstros, con ou sen consentimento” a cargo de Fran Amil. Os asentos valeiros foron ocupados de súpeto ao soar os primeiros acordes de “Pequerrecho, melenudo”. E aos poucos xa había familias enteiras coreando os hits de Chuches Amil. Algunhas nenas cantaban a pé de palco, apoiadas nas letras do exemplar de “Monstros” que lles facilitou o propio Fran Amil e que acubillaron con agarimo ata o remate do concerto.
Fran asinou unha ducia de discos a outras tantas familias que meterán aos monstros amables de Chuches Amil nos seus fogares para deleite e solaz común.
E ti que agardas para conseguir o teu libro-cd. Bule, que se esgota esta edición.