Novas

Fotos: Carlos Amil Fotos: Carlos Amil

Crónica Chuches Amil na biblioteca de As Pontes

A biblioteca municipal de As Pontes é un fermoso pazo onde os libros viven ledos porque un extraordinario e adicado equipo de xente capitaneado por Anabel Alonso cóidaos con agarimo. Este equipo ten o don de chamar pola xente para achegarse aos libros de xeito directo, ou argallando excusas como a actuación de músicos e contacontos, que axudan a meter os libros de estraperlo nas cabeciñas dos asistentes aos actos organizados.

E se os libros contan historias, os libros de Chuches Amil (editados por Sonárbore-Galaxia) as cantan. Aló vai Fran Amil de altofalante (neste caso diriamos de altocantante) para estabrecer un fío comunicativo cxs cativiñxs e os pais e nais, quen desfrutan tanto como xs fillxs dunha proposta tan cantareira.

A tarde do sábado 19 de outubro, entre cancións, chocolate con churros e castañas asadas ao momento, quentiñas e en cucurucho ou en vaso, xs nenxs desfrutaron dun recital que xa case toda Galicia coñece de memoria e cos ollos pechados, con cancións como Lobo bo (auuu, que acollida tivo entre xs cativxs!), O porvir é meu, O monstro-orquestra, etc. A tardiña foi collendo ritmo e cor para celebrar, anticipadamente, o Día da Biblioteca.

Cómpre facer mención especial das cancións “Os porcos da Fraga do Eume”, aproveitando que estabamos na comarca nativa dos porquiños, e da panxoliña rock “Merry Christmas, peludos”, dada a cercanía das datas do nadal.

Dúas cancións marabillosas que se infiltraron nun repertorio que semellaba inmellorable, pero que se revela vivo e axustable a cada público e estación.

Que non pare a música! E que non falte un disco de Chuches Amil en cada fogar galego con nenxs!

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información en nuestro aviso legal.



Acepto