Novas

Foto: Fran Amil Foto: Fran Amil

Crónica de Chuches Amil no Samaín de Arnuide

Hai festas salientabeis que identifican aos pobos que as festexan cun signo de identidade de seu, a pesares da universalidade de moitas desas festas. Eis o caso do Samaín, noutras terras coñecida como Halloween, Día de los Muertos, Día de Todos los Santos, Día dos Ancestros, etc.

A identidade galega transforma a esencia do Samaín (a interconectividade dos vivos e os mortos) nunha rutina cotiá que goberna o resto do ano. No Samaín galego celebramos o de tódolos días: a vida e a morte, a morte e a vida creando correntes e pasadizos indisolubeis dun estado a outro sen solución de continuidade. En definitiva: a comunicación cos nosos, vivos ou mortos, sabendo ou intuíndo que os nosos mortos están moi vivos. Por iso, a nosa esencia é eterna, flúe dende o inicio da vida e fluirá alén da mesma.

Desculpade este acceso de profundidade, meus e miñas, porque aquí somos máis de festexar que de reflexionar, pero unha cousa non ten por que estar rifada coa outra.

Que llo digan senón á rapazada que andivo de celebración á tardiña, con chocolate incluído, na festa do Samaín de Arnuide. Estes cativxs ourensáns desfrutaron dunha animada festa aos acordes fantasmagóricos de Noite de Samaín cun Chuches Amil pletórico.

“Monstros, con ou sen consentimento” apoderáronse do Centro Social de Arnuide, en Vilar de Barrio, e xa non ceibaron a cativxs e asistentes ata o remate da festa. Moitxs cativxs transformáronse en monstros cos lápices de maquillaxe manexados con mestría por Marisol.

Chuches Amil deu un concerto que metía medo e ritmo, todo de vez, iluminando as cabazas cun sorriso de ledicia. Canto bailaron os monstros! E como non podía ser doutro xeito, con música pop-rock galega de moitos quilates. Monstruoso, meus e miñas. Ata o vindeiro concerto. Sen medo.

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información en nuestro aviso legal.



Acepto