Crónica de Chuches Amil en El Garaje
Despois de aparcar no pub “El garaje”, en Viveiro, o domingo, 3 de marzo, contra as 18:00 da tarde, albiscamos unha manchea de nenas, nenos e familias disfrazadas de entroido, acubilladas nas mesas do pub.
Cunha merendola quentiña e cun concerto en directo debullando as notas e acordes dos temas “Pequerrecho, melenudo” e “Somos colegas”, antes de atacar a fantástica historia do Lobo bo xa estaban todxs a bailar. Coa canción do monstro “Ñam-Ñam” máis dun cativo fitou de esgalla cara as cociñas do pub, tremendo ante a posibilidade de que Ñam-Ñam tomase corpo e papase as bandexas de doces que ían ser degustadas tras do concerto. Durante media hora Fran Amil presentou o seu repertorio de melodías impecables e algúns cativos amosaron o seu coñecemento de cancións como “Este robot é unha máquina” ou palmearon freneticamente ao compás dos ritmos larpeiros de Chuches Amil. E cando a festa rematou, cada quen para a súa casiña, máis de un cos exemplares dos discos Un conto ao revés e “Monstros, con ou sen consentimento” como banda sonora para un feixe de futuras merendolas sonoras máis.