Novas

Debuxo: Brais Fierro Debuxo: Brais Fierro

Chuches Amil Espectáculos 2024

Aquí vos deixamos os espectáculos de Chuches Amil para este ano 2024. Ideal para as actividades dos vosos concellos, asociacións culturais e colexios. Botádelle unha ollada e contactade con nós para desfrutar da música.

Chuches Amil é un proxecto musical para toda a familia co ánimo de fornecer aos cativos e cativas de Galicia dun acervo cultural en galego, que poña en valor aspectos fundamentais como o respecto, a solidariedade, o esforzo ou a non violencia, sen descoidar o aspecto lúdico do baile e a diversión en familia. Un espectáculo de música infantil para aprender e divertirse.

Levamos dende o ano 2015 ofrecendo unha chea de espectáculos musicais e de contacontos de enorme éxito que conectan co público infantil de seu. Os nosos espectáculos potencian as respostas e intervencións da cativada, facendo de Chuches Amil “un dos grandes favoritos do público infantil”, segundo recollen en “Fugas”, suplemento cultural do xornal “La Voz de Galicia”, publicado o día 18 de agosto de 2023.

Unha chea de cancións e de retrousos pegadizos, cos que Chuches Amil fai dos soños cancións, e cancións dos soños. Música lixeira e cantareira que permanece teimuda e rítmica na memoria xa dende a primeira escoita.

A seguir, deixamos que o catálogo cos diferentes espectáculos ofertados neste ano 2024 fale por si mesmo. Alén das características de cada concerto, contacontos, obradoiro ou actividade, fornecemos unha serie de enlaces que vos permitan comprobar como funcionan ou como soan en directo as nosas cancións.

Incluído en Ler Conta Moito

Espectáculo novo, un contacontos cantado que abeira unha enorme achega de fantasía, música e bo humor, cun repertorio extraordinario recollendo o mellor de Chuches Amil e un feixe de novas cancións que axiña se convertirán en clásicos da nosa música.

Personaxes clásicos das nosas cancións como o Monstro-Orquestra, Lobo Bo, SuitJar, Ñam-Ñam, Pequerrecho Melenudo, acollen a novos personaxes como o Apalpador, A chave da Lúa, Tocoteu ou Banda Deseñada. As anécdotas máis fantásticas que poidan suceder nun concerto teñen acollida nos concertos de Chuches Amil. Para abrir os ollos e as mentes a dimensións descoñecidas pero moi cercanas.

Foto: Carlos Amil

Fran Amil desprega un marabilloso concerto, no que semella que está acompañado coa banda, por máis que só o vexamos a el no escenario. As bases preprogramadas achegan esa sensación de conxunto para esparexer o seu inaudito repertorio a todos os asistentes.

Dentro de esta categoría xeral de “Chuches Amil enchufado” atopamos diversos espectáculos como “Con certo aire musical” (que tamén temos na versión contacontos en acústico), “Monstros con ou sen consentimento”, “Un conto ao revés”.

MONSTROS CON OU SEN CONSENTIMENTO

Incluído en Ler Conta Moito

Espectáculo baseado nun repertorio tirado dos dous grandes éxitos de Chuches Amil editados na colección Sonárbore da editorial Galaxia: “Un conto ao revés” e “Monstros, con ou sen consentimento”. Escolma de cancións e contos con monstros como protagonistas. Monstros amabeis e amigos da cativada.

Música en directo en formato acústico con bases pregravadas (un único músico). A ritmo de rock e para toda a familia, letras que falan dos nosos medos e superacións. Unha boa colección de monstros para non deixar de bailar, reír e cantar.

UN CONTO AO REVÉS

Un contacontos fabuloso que mestura música amplificada con bases pregravadas e contos nacidos das cancións de Chuches Amil. Ritmo de rock e rima da boa para non deixar de bailar, reír e cantar.

Foto: Carlos Amil

Incluído en Rede Cultural Deputación A Coruña: Escena ao vivo
Galescena: Rede Cultura no Camiño, 12º Ciclo Cultura no Camiño 2024, RGTA

Un formato con moito poderío, no que as cancións de Chuches Amil soan brillantes, independentemente do músico convidado en calquera ocasión: Fran Amil cantando e tocando a guitarra acústica e/ou a batería electrónica acanda unha saxofonista, tecladista ou guitarrista eléctrica. Diferentes sonoridades para descubrir que as mesmas cancións soan distintas e engaiolantes, porque a súa forza primixenia e orixinal resiste calquera variación ou mutación.

Música para desfrutar en familia, na rúa, en auditorios, en calquera sitio con ganas de festa.

Incluído en Galescena (Rede Cultura no Camiño,
12º Ciclo Cultura no Camiño 2024, RGTA); Musigal

O formato perfecto para grandes espazos, auditorios ou ao aire libre. Unha das mellores bandas de rock e pop do noso país, preparada para agasallar auténticos bombazos musicais un detrás de outro, con ou sen consentimento

Deixamos aquí reflectido o que de nós dixeron aqueles que nos viron actuar, como citan na páxina do CEIP Ponte de Xubia, no ano 2016: “Ademais de teatro tamén tivemos un estupendo concerto no colexio. Nesta ocasión quen nos visitou foi o grupo musical infantil Chuches Amil, que nos deron un fabuloso concerto do seu disco “Un conto ao revés”, moi recomendable para nenos e nenas de todas as idades.” Nesta mesma páxina, premendo na imaxe do noso disco “Un conto ao revés” di “veredes un pequeno vídeo deste divertido concerto”. Despois de premer aquí, temos que premer onde di “24-ChuchesAmil.flv para ver el archivo”. Axiña descarga o arquivo e podemos ver que ben o pasaron no colexio de Ponte de Xubia.

Tamén podedes botar unha ollada a este enlace para desfrutar dunha actuación especial perante a pandemia do ano 2020, da serie de concertos en streaming que o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello da Coruña organizou para que as familias non deixasen de ter música. Nun concerto posterior, unha avoa coa neta collida da man deixounos o agasallo perfecto: díxonos que Chuches Amil fora a banda sonora da pandemia no seu fogar, grazas a este concerto de Nadal 2020. Bendicións.

Incluído en Rede Cultura no Camiño, 11º Ciclo Cultura no Camiño 2023

Incluído en Ler Conta Moito

Música en directo en formato acústico (un único músico con guitarra) para nos adaptar a unha aula ou escenario pequeno. As cancións de Chuches Amil revélanse festeiras e contaxiosas en calquera formato.

Dentro de esta categoría xeral de “Chuches Amil en acústico” atopamos diversos espectáculos como “Con certo aire musical” (que tamén temos na versión enchufada), “Cancións para enredar, contos para tremer de ledicia”, “O conto de sempre contado ao revés”.

CANCIÓNS PARA ENREDAR, CONTOS PARA TREMER DE LEDICIA

Espectáculo de contacontos con cancións. Cancións divertidas, rockeiras, e contos de monstros e contos tradicionais postos ao revés. Unha salada apetitosa para un público insaciable.

Foto: Carlos Amil

O CONTO DE SEMPRE CONTADO AO REVÉS

Unha revisión dos contos de sempre contados seguindo as pautas marcadas pola nosa canción “Un conto ao revés”, un dos grandes éxitos da música infantil galega. Cancións e contos que fan participar á rapazada, bailando e contando e cantando.

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información en nuestro aviso legal.



Acepto