Concertos Chuches Amil en maio de 2026
Coruña, Sada e Carral
Chegou maio. A calor. O sol burbullando en cada recanto, aloumiñándonos coa mol e donda solaina da primavera. Xa os paxaros cantan as cancións de Chuches Amil ou rechouchían os seus cantos, tamén…. Abofé que algunha das nosas melodías lles terás escoitado asubiar.
O conto é que neste maio florido, algareiro e feiticeiro, Chuches Amil imos movernos pola provincia da Coruña para achegármonos á cativada de varios colexios da cidade herculina. Será o terceiro ano consecutivo que colaboramos coa policía municipal do concello da Coruña, no evento que organizan en torno á ciberseguridade. Así, o 13 de maio, pola mañá, cantaremos tres cancións e tentaremos, outra vez, erguer o espírito xoldeiro dos nosos amigos e amigas coruñeses. E tocamos no Forum Metropolitano, que tanto nos presta (e a onde acudimos a miudo para abastecernos de materiais da fantástica biblioteca pública alí ubicada).
Para o 21 e o 22 de maio estaremos en Sada, nun entorno marabilloso: o CEIP Barrié de la Maza, onde bule un fato de raparigos e raparigas que van poñer o nome das mariñas coruñesas en primeiro plano a non tardar moito tempo.. Xa o veredes. Estaremos o dia 21, facendo dous pases: un primeiro tocando para a cativada de educación infantil e a de 1º de educación primaria; e un segundo, tocando para o alumnado de 2º, 3º e 4º de primaria. Xa o día 22 tocaremos para alumnado de 5º e 6º. Será no salón de actos, protexidos das inclemencias do tempo. Planazo. Imos pasalo en grande, celebrando as Letras Galegas. Haberá sorpresas, agasallos e moita, moita festa.
Finalmente, o día 23 de maio, tamén pola mañá, estaremos en Carral, para facer un marabilloso obradoiro de pandeiro vegano na biblioteca, co gaio da inclusión das propostas de Chuches Amil dentro do programa Ler Conta Moito da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Está será a nosa primeira participación neste programa para a edición deste ano. Xa vos avisaremos das que están por vir nos vindeiros meses. Nesta ocasión, prepararemos coas nosas mans, uns pandeiros de cartón, que decoraremos cada quen ao seu aquel. E cos pandeiros rematados, percutiremos acompañando varias cancións de Chuches Amil que Fran Amil ten preparadas para a rapazada de Carral. Como nos presta voltar a esta vila, na que xa fixemos outras cousas e a que en breves pensamos regresar…. Pero ese é outro conto que xa vos contaremos no seu momento.
Non vale parar. Xa sabedes: Chuches Amil, música con vida. Chuches Amil, música infinita.










