Novas

Fotos: Carlos Amil Fotos: Carlos Amil

Crónica Chuches Amil no Centro Social PAI de Cariño

Seguimos a vivir experiencias insólitas e verdadeiramente gratificantes. Desta volta, visitamos o Centro Social PAI (Punto de Atención á Infancia) de Cariño, para actuar diante dun par de ducias de cativiñ@s de nove meses a tres anos.

En todos os nosos concertos é doado ver meniñ@s comprendid@s nesa idade, como complemento de nen@s maiores. Pero nunca tiveramos o aforo completo con cativiñ@s tan pequech@s.

Unha actuación moi diferente a cantas tivemos ata agora, grazas á iniciativa de Jonathan Miranda Lucas, concelleiro de Facenda, Cultura, Educación e Deporte de Cariño, que foi quen apostou por abrir a cancela pola que se habían de introducir a normalidade cultural e social nos actos da vila. As cancións festeiras de Chuches Amil infectou de boa música as cabeciñas da nosa rapazada. E estendeuse polo xardín de infancia un sentimento de felicidade burbullante, á que axudaron moito as coidadoras Patricia, Lucía e Jenny.

De primeiras, Patricia, Lucía e Jenny trouxeron bebés de nove meses nos seus cestiños berce. Chuches Amil recibíun@s coa nana “Durme peque”, coa que pecha o seu disco libro “Un conto ao revés”, editado por Galaxia na súa colección Sonárbore. @s bebés abrían os seus ollos grandes na procura de quen lles cantaba, e sorriron no canto de chorar pola presenza dun estraño.

A seguir, unha ringleira de cativ@s perfectamente ordenada sentou na herba, formando un semicírculo arredor de Chuches Amil.

Foi moi divertido ver como se erguían mans e pés de xeito reflexo, e como aplaudían e seguían o ritmo das cancións, seguindo tanto as indicacións das coidadoras como o impulso musical e festeiro das cancións, desenchufadas neste concerto. Chuches Amil, a voz, unha guitarra e unha pandeireta encheron o xardín de infancia de ledicia e ritmo.

Nas derradeiras cancións, tod@s ceibáronse, puxéronse de pé e soltáronse a bailar. E a perseguirse uns a outr@s ao ritmo da música.

Se ficaron a metade de encantados que nós, a festa foi grande. O porvir é seu.

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información en nuestro aviso legal.



Acepto