Novas

Noa. Fotos: Carlos Amil Noa. Fotos: Carlos Amil

Crónica da estrea do musical con cancións e textos dos libros de Chuches Amil

A data do venres 27 de maio de 2022, ás 20:30, está gravada para sempre na nosa memoria amiliana grazas á estrea do musical “Suitjar e o soño perdido”, obra teatral de Queta Soto representada polo grupo de teatro ES3HA2, da factoría Melandrainas.

De esquerda a dereita: Queta Soto e Fran Amil pagando relixiosamente a súa entrada. Detalle da entrada a un mundo de soños.

A estrea tivo lugar no propio Café Cultural Melandrainas, un espazo único e máxico ubicado en Arteixo (A Coruña). Un local que serve cafés ben ricos, tapas abondosas e saborosas, e refrescos e alimentos mentais de primeira orde grazas ao espazo anexo onde grupos teatrais, cómic@s da legua e músic@s ofrecen os seus espectáculos a un grupo fiel de siareir@s incansabeis, por medio dunha programación ben currada e surtida. A propia Queta Soto e Marga Fernández sosteñen esta andamiaxe encomiable.

Café Cultural Melandrainas. De esquerda a dereita: Fran Amil, Queta Soto, Olalla Novo Ares e Marga Fernández

Ámbalas, Queta e Marga, amosaron un entusiasmo indescriptible pola música e polos libros de Chuches Amil no noso primeiro encontro. Amor a primeira vista, amplamente correspondido. Despois de botarlle un ollo aos libros editados por Galaxia na colección Sonárbore, e de escoitar tres ou catro cancións, Queta propuxo montar un musical que ela mesma había escribir. O ciclón produxo froitos en moi pouco tempo, pois axiña recibimos un texto impecable que había servir de base para a tola produción deste soño.

Antía Fernández púxose á fronte do proxecto como directora e comezou a ensaiar co grupo xuvenil afeccionado ES3HA2. Unha chea de moz@s que axiña se contaxiaron do espírito festeiro e arrebatador das cancións de Chuches Amil, e que mesmo se animaron a facer as súas propias versións, con Nacho Varela nos arranxos musicais.

De esquerda a dereita: Antía Fernández, Nacho Varela e Darío.

E por fin chegou a estrea. O tempo de ensaios revelouse frutífero, e a coreografía abraiou á xente na platea. A dirección de actores e de movementos dos personaxes permitía sacarlle proveito ás ideas propostas no texto, a pesares de que o escenario non dispón de gran dimensión. As cancións de Chuches Amil soaban recoñecibeis pero novas, nun extraodinario traballo de Nacho, adaptando as voces d@s moz@s para que soasen naturais sen forzalas.

De esquerda a dereita: Sara, Darío, Aldara, Lucía, Luis Enrique e Illa.

A obra entra polos ollos grazas ao chamativo deseño de vestiario de Marga Fernández e de Antía Fernández, a directora desdobrada noutras funcións, o que fala da súa implicación no exitoso desenvolvemento do musical. A propia Antía fíxose cargo da impoñente maquillaxe que, por momentos, remite á do musical “O rei León”, ou “Cats”.

Lucía

A escenografía correu a cargo da Escola de Teatro Melandrainas, e a construción da cama que se converte en barco foi obra de Toto Ruíz.

De esquerda a dereita: Illa, Darío, Aldara e Saleta.

O traballo d@s intérpretes redondeou unha representación inspirada, na que fixeron gala das súas habilidades para a comedia e para o baile.

Agora vén o tempo das representacións noutros espazos. O máis inmediato será o día 11 de xuño no IES Rosalía Mera (antigo Colexio Calvo Sotelo) en A Coruña, dentro do XXIII Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación da Coruña

E despois das vacacións de verán, poida que na túa localidade ou no teu colexio. Agardamos por vós. Bulide, insensat@s!!

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información en nuestro aviso legal.



Acepto