Novas

Fotos: Carlos Amil Fotos: Carlos Amil

Crónica de Chuches Amil en Cuntis (Pontevedra)

O 3 de setembro de 2021, na recolecta Praza das Árbores de Cuntis (Pontevedra), tivemos unha festeira e diríamos que íntima actuación a unha hora serodia: ás 20:00. Serodia para os horarios aos que estamos acostumados a participar dentro das actividades de Ler Conta Moito.

O concerto celebrouse ao aire libre, ás portas da Biblioteca Pública Municipal “Roberto Blanco Torres”de Cuntis, onde Mario o bibliotecario xa tiña preparadas as cadeiras e o espírito xoguetón propio destes actos.

A fonte de catro canos con cabezas de serpe, chantada no centro da praza, refrescaba a calorosa tardiña. Tan calorosa que mesmo convidaba máis a achegarse á praia e esquecerse do resto do mundo, que a ir mover o esqueleto a un concerto musical.

Así semellaba ser, pois ás 20:00 horas ninguén non había na praza, fóra dos tileiros que lle daban sombra e frescor acanda a fonte de catro canos con cabezas de serpe.

Fotos: Carlos Amil

Ás 20:02 apareceu unha mamá cunha picariña da man, e colleron asento en primeira fila. Ás 20:05, con apenas seis asistentes, comezamos a cantar. Comezar a cantar e aparecer da nada a xente foi como ver aparecer os cogumelos ao saír o sol despois de chover a cachón. Coa diferenza de que os nosos cogumelos estaban moi vivos e con ganas de festa.

Axudou moito a brillante acústica da praza, e a participación entusiasta da rapazada e acompañantes. Nenas de dous anos houbo que non deixaron de bailar da primeira á derradeira canción, para ledicia d@s proxenitores, que esa noite gozarían dun merecido descanso, porque as raparigas habían durmir a eito.

Fotos: Carlos Amil

Como sempre, todas as cancións foron moi ben recibidas, pero houbo tres que arrasaron, e aquí as citamos segundo foron aparecendo: Este robot é unha máquina, Son un lobo bo e O porvir é meu.

Chuches Amil, diversión para toda a familia, e se é ao aire libre, mellor. O porvir é voso.

Fotos: Carlos Amil

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información en nuestro aviso legal.



Acepto