Novas

Fotos: Concello de Moaña Fotos: Concello de Moaña

Crónica de Chuches Amil en Moaña

En Moaña presentamos unha sorpresa: unha actuación do grupo nunha versión moi rockeira, con Miguel Paz á batería, Torroncho no baixo, Carlos Gil no teclado eléctrico e Plácido García na guitarra eléctrica, con Fran Amil como solista e guitarra acústica. Foi nun acto de Apego, programa colectivo creado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial.

O concerto tivo lugar ao aire libre, diante do concello de Moaña, unha tarde fresca. Unha descarga marchosa e necesaria para combater o frío que gobernaba no parque onde se sitúa o concello. Os pés dos presentes non deixaron de moverse en momento ningún ao compás das coñecidas cancións de Chuches Amil que alimentan os seus dous extraordinarios discos.

Como ben sabedes moitos dos siareiros desta páxina e de Chuches Amil, o disco Un conto ao revés é moi rockeiro, pero tamén soaron moi ben as versións “duras” de “Con ou sen consentimento”, ¨Ñam-Ñam”, O porvir é meu e outras cantigas marabillosas do disco “Monstros. Con ou sen consentimento”, disco este que navega entre variados e divertidos xéneros musicais.

As boas cancións préstanse a calquera interpretación, que en todas elas seguirán soando como boas. O que é bo é bo, e se é de Chuches Amil e en galego, é dúas veces bo.

O concerto aínda gardaba outra sorpresa, esta para nós, pois que a xente de Moaña está afeita: tivemos unha intérprete de língua de signos, que traducía o que Fran cantaba. Parabéns ao concello de Moaña por unha iniciativa tan integradora e necesaria, que eles desenvolven con regularidade. E grazas a Paula Soto, de Apego, por acollernos con tanto agarimo e facer que todo fose tan doado para o grupo.

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información en nuestro aviso legal.



Acepto