Novas

Foto: Carlos Amil Foto: Carlos Amil

Crónica de chuches Amil en Nós (Oleiros, A Coruña)

O 14 de abril de 2023, na Biblioteca Municipal Ánxel Fole de Nós, Oleiros (A Coruña), tivemos unha Hora do Conto moi bonita, ateigada de rapazada e papás e mamás. Chuches Amil presentaba o espectáculo “Canto conto ten”, na súa participación por terceiro ano consecutivo, recuncando nunha praza na que obtivera unha enorme repercusión o ano pasado.

A Biblioteca Ánxel Fole é un fervedoiro onde a rapazada follea libros, cantaruxa cancións e abarrota o parque infantil adxunto á biblioteca. Un parque cheo ata os topes de toda a xente nova que habita esta bisbarra.

A tardiña primaveral máis semellaba de verán. Nós pensabamos que apenas habería rapazada, que todos e todas haberían preferir correr ao aire ceibe no canto de estar nun interior, pero a música de Chuches ten moito poder de convocatoria no concello de Oleiros.

De feito, este ano colleitamos en Nós a meirande afluencia de cantas intervencións tivemos nas bibliotecas do concello de Oleiros. Nenas e nenos de ata seis anos cantaron, xogaron, bailaron e riron cos contos animados musicalmente por Chuches Amil.

A chegada do público foi moi puntual e de vez. Como sabedes, o público máis novo é moi animado e participativo, e moi espontáneo. Desta volta, como outras moitas veces, estabrecimos de entrada unha animada charleta, na que raparigos e raparigas comentan as súas inclinacións ás cousas máis curiosas. O tipo de música que lles acae mellor (na meirande parte das ocasións, a música sen apelidos), as lecturas favoritas (en moitos casos nas voces dos papás e mamás), as frores e animais do seu gusto, as cores favoritas, os amigos e amigas máis amigos e amigas.

Foto: Carlos Amil

“Pequerrecho, melenudo” foi a presentación de Chuches Amil. Unha introdución perfecta para levar á rapazada ao mundo da curiosidade e da variedade de animais pequerrechos e melenudos que podemos atopar na vida cotía aquí en Galicia…, ou nas partes máis insólitas do mundo mundial.

“Os monstros xa non queren asustar” introduce o mundo dos contos, para amosar que os monstros poden ser perfectos amigos do noso público.

Chuches Amil axiña comproba que a rapazada é amiga do rock and roll, das ganas de bailar e de mover o esqueleto, e ceiba o rock de “Os porcos das fragas do Eume”. Non será o único rock and roll, que “Este robot é unha máquina” dispara á cativada a bailar imitando os acenos robóticos que todos coñecen ben.

Pero como estamos no espectáculo “Canto conto ten”, Chuches Amil conta e canta “Un conto ao revés”, outro dos seus temas clásicos, de calurosa acollida sempre.

Foto: Carlos AmilConto vai, conto vén, chegamos ao remate co gran éxito de Chuches Amil: “O porvir é meu”. Papás, mamás e rapazada cantan e bailan, palmean e prometen que rematado o concerto e os contos, a vida e a ledicia non rematan na biblioteca e seguirá na rúa e nas casas. Xa sabedes, cando a festa rematou, cada quen para a súa casiña.

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información en nuestro aviso legal.



Acepto