Novas

Fotos: Carlos Amil Fotos: Carlos Amil

Crónica de Chuches Amil no CEIP Unión Mugardesa

Este fin de curso vivimos unha das experiencias máis gratificantes da nosa xa longa traxectoria de concertos. Moito lle temos que agradecer á Anpa Catro Camiños do CEIP Unión Mugardesa por convidarnos a celebrar o fin de curso no seu colexio.

Previamente, e durante tres semanas, a cativada estivo traballando con tres temas do noso festeiro repertorio: “Os monstros xa non queren asustar”, e dous dos grandes éxitos de Chuches Amil: “Os porcos das fragas do Eume” e “O porvir é meu”.

A actuación dividiuse en dúas quendas: a primeira para infantil, e a segunda para primaria.

A participación d@s perto de sesenta cativ@s de tres a seis anos foi contínua e fabulosa: palmas, coros, e pés e troncos en permanente movemento a pesares de estar sentados no chan do pavillón. Foi escacharrante ver reptar os corpos na danza de chan á que foron sometidos polas cancións e o seu imparable ritmo.

A éxtase acadouse na quenda de primaria, entre @s oitenta rapaces e rapazas que non deixaron de bailar, saltar e correr durante todo o concerto. Os coros cheos de ledicia ceibados perante a interpretación de “Os porcos das fragas do Eume” estouparon nun canto de liberación e optimismo en “O porvir é meu”.

A rapazada toda cantou a pleno pulmón o retrouso “Medrarei e moi poderosa serei, e vou ser todo o que eu queira ser”, ata o punto de que Fran deixou de cantar mais o retrouso seguíu atronando e facendo que o pavillón tremase de emoción pola confianza da nosa rapazada no porvir.

A emoción contaxiouseme, e subíu dende a pranta dos meus pés ata a miña cocorota, e sentín de súpeto que levitaba diante do público máis receptivo que atopamos ata hoxe. Grazas, mestr@s e educador@s, por facer que a música pop galega se converta nunha referencia para a nosa rapazada. O porvir é meu, teu e seu.

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información en nuestro aviso legal.



Acepto