Novas

Fotos: Carlos Amil Fotos: Carlos Amil

Crónica de Chuches Amil no Parque Eirís de A Coruña

Este verán ímolo lembrar no mundo do espectáculo como o Verán das Cancelacións, pois non só se cancelaron espectáculos contratados con anterioridade á Era da Pandemia Confinante, mesmo unha porcentaxe insufriblemente alta de contratacións xa en pleno desfase do Confinamento.

Unhas actuacións canceláronse porque apareceron gromos da pandemia nunha residencia de anciáns ou nun ximnasio, e seica un vento podía levar o perigo axs asistentes deses concertos ao aire ceibe, ou en interiores que cumprían escrupulosamente as condicións de seguridade e hixiene; e outras canceláronse magoadamente por mor das condicións climatolóxicas adversas.

Por exemplo, o día vintaseis de setembro que actuamos no coruñés Parque de Eirís, suspendéronse na cidade catro concertos por causa da choiva, dos seis que se ían producir.

Nós tivemos a sorte e o privilexio de actuar baixo a protectora cúpula do Parque de Eirís. Nunha salientable iniciativa do concello coruñés coñecida como Presco (Plan de Reactivación Económica do Concello da Coruña), os músicos puidemos seguir en contacto directo cxs nosxs siareirxs.

Pero a tarde agoiraba un fracaso absoluto, pois cando á hora prevista Chuches Amil saudou á tarde fría e chuvisqueira, só había dúas persoas baixo a cúpula.

Mais axiña Chuches Amil encetou a primeira canción, O porvir é meu, as familias fixeron acto de presenza e encheron as cadeiras previstas pola organización, e mesmo ficou xente en pé. É o que ten un tema tan pegadizo e festeiro: ao que soan os seus acordes, acordan todos.

Foto: Carlos Amil

Deste xeito, dende a primeira canción ata o ¡terceiro! bis, a cúpula viviu un serán quente e acolledor, que contrastaba co exterior do parque, aventado pola poalla que calaba fondamente.

A comuñón entre Chuches Amil e siareirxs acadou cumios como na canción Ñam-Ñam, na que tódolxs presentes facían os coros mentres Chuches levitaba de satisfacción no escenario.

Foto: Carlos Amil

Outra descarga fabulosamente rockeira sucedeu con Este robot é unha máquina. Palmas e rítmicas pateaduras da xente que estaba sentada facían tremer de gozo a cúpula.

Houbo sorte co abeiro meteorolóxico da cúpula, houbo música extraordinaria, e houbo agasallo de discos. Ogallá non se cancele concerto ningún máis, porque senón non poderemos vivir momentos tan intensos e felices.

Estade ao loro por se actúa Chuches Amil preto das vosas casas.

Foto: Carlos Amil

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información en nuestro aviso legal.



Acepto