Novas

Fotos: Carlos Amil Fotos: Carlos Amil

Crónica dun concerto irrepetible: Chuches Amil en Foz

En Foz vivimos unha mañá máxica e esperanzadora. Chuches Amil, representado nesta ocasión por Fran Amil na voz e na guitarra acústica, e Richi Casás potenciando a voz grave e fermosa do saxo tenor, foron acompañados nun repertorio festeiro e solidario, coreados polos benxamines da Escola Municipal de Música de Foz, capitaneados por África, profesora de Música e Movemento

Máis dun cento de asistentes ateigaron a sala Bahía, e desfrutaron a eito coa entrega dxs cativiñxs e o empaste musical dos seus trebellos coa música ceibada por Chuches Amil. Nunca soou tan especial e tan espacial “Rock sideral”, csx raparigxs embuchadxs en traxes espaciais de creación caseira ao tempo que marcaban o ritmo e tocaban os seus instrumentos. A pesares de estar sentados no chan, tódolxs presentes fumos testemuñas de como levitaron seguindo as pautas da súa marabillosa profesora. Fran e Richi tamén voaron, e sentíronse nenos afortunados embuchados en corpos adultos, mentres que a rapazada que os acompañaban: Lucas, Sara, María, Valentina, Maitane, Xosé, Leyre, Paula e Alejandro orbitaban fachendosxs polo ceo da sala Bahía.

A rumbeira Noite de Samaín desencadeou unha festa de aplausos, e de nenxs disfrazadxs de esqueletes movéndose e tocando acompasados ao ritmo de Chuches Amil. Lydia, Adrián, Sara, Iván, Zeltia, Marco e Marcelo rumbearon a eito para contaxiar axs presentes a salsa do programa.

“Ñam-Ñam” tivo en Sofía, Olaf, Martín e Amelia a meirande competencia en comelo todo vista ate o de agora nun concerto de Chuches Amil. “Ñam-Ñam” é un monstro comellón, pero xs rapaces nesta sesión de vermut non deixaron nin os ósos das olivas nin os bordos das partituras sen comer.

Germán, Iria, Iker, Sara, Celia, Manuela, Aroa e Emina demostraron a cantos tiñan ollos e ouvidos que “Somos colegas” é máis ca unha canción, é un himno á amizade.

Cando soaron os acordes de O porvir é meu, tódolos presentes estivemos dacordo en que o futuro xa estaba aquí, neste presente de cativxs espilidxs a medrar ao compás da Escola Municipal de Música de Foz. Évos ben certo que se trata dun porvir moi novo, pero xa sabedes: unha volta prendida a mecha, hai lumes que non se esgotan nunca. Que gran canteira a que pide paso.

Á ledicia e satisfacción que nos produce ver tanta cativada, tanto futuro nas nosas actuacións, engadíase desta volta o abraio de velos protagonizando a velada coas súas acertadas interpretacións dos nosos ritmos. Saímos esgotados, pero moi contentos. E coa promesa de que faremos un videoclip protagonizada por esta canteira inesgotable.

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información en nuestro aviso legal.



Acepto