Curso do despegue
Confiamos en que este curso 2021-22 sexa o do despegue definitivo, que nos permita afastar a COVID-19 e os confinamentos asociados a ela, e que poidamos por fin relacionármonos c@s nos@s amig@s e familia sen tantas precaucións.
Tamén promete este curso ser o do despegue de Chuches Amil, pois a mediados de setembro temos tres días seguidos de concertos. E non serán os únicos do mes.
Estar inseridos na programación de “Ler conta moito” axuda, e moito, a espallar a nosa música e os nosos encontros c@s nos@s siareir@s.
Percorreremos toda canta escola poidamos para dar a coñecer a nosa páxina, chea de relatos, cancións, ilustracións, cómics, agasallos, videoclips e máis sorpresas que se irán desvelando a poucos.
E coa xente de Melandrainas, de Arteixo, haberá un acontecemento que tamén iremos revelando aos poucos, e no que temos traballando arreo a Queta Soto e Marga Fernández Dans. Mimá, que xente máis creativa e amorosa!!! Na foto de Olalla Novo Ares podemos ver, de esquerda a dereita, a Fran Amil, Queta Soto e Carlos Amil pousando pícar@s e sabendo moi ben o que teñen na cabeciña.
Pero de todas estas novidades arredor do mundo e da música de Chuches Amil iremos dando puntual aviso nesta vosa páxina favorita. A actualidade máis próxima vén marcada polas actuacións. Tomade boa nota e vinde facernos unha visita:
15 de setembro, ás 17:30, na Biblioteca Municipal Central de Cambre, estamos cos “Contos de Chuches Amil”, porque xa sabedes que Ler Conta Moito.
16 de setembro, ás 18:00, no local Xente Nova de Tabeaio (Carral), estamos con “Un conto ao revés”, dentro do IX Ciclo Cultura no Camiño. Aquí temos que reservar, pois hai aforo limitado. Ben fácil: chamamos ao teléfono 981 672 580, que é o número da Casa da Cultura de Carral e dicimos que queremos ir ao concerto de Chuches Amil, e cantos queremos ir.
17 de setembro, ás 17:30, na Casa da Cultura de Touro, estamos cos “Contos de Chuches Amil”, porque non sei se xa o dixemos, pero Ler Conta Moito.
E axiña andaremos por Camariñas, Pontecesures, Maceda, Dorneda (Oleiros)…