Novas

Foto: Encarna Alonso Foto: Encarna Alonso

Estréase "A casa da luz" de Carlos Amil na TVG2

Martes 22, ás 19:05, estréase ¡por fin! a película de aventuras para nenxs máis divertida e engaiolante do cinema galego

A película foi rodada no ano 2008 por Carlos, agora traballando a mantenta no proxecto Chuches Amil con Fran, e conta cunha chea de actores galegos de primeira fila. Baseada moi ceibemente na novela homónima de Xabier P. Docampo (dep), narra unha aventura moi especial que destaca valores como a amizade, a diferenza, a necesidade de coidar do patrimonio da natureza… Interpretada por unha chea de amigos como Gustavo Pernas (dep), Miguel de Lira, Antonio Mourelos, Manuel Millan, Susana Dans, César Goldi, Cándido Pazó, Camilo Rodríguez, Miguel Pernas e outros, ademais dos protagonistas que saen na foto de “A casa da luz” (feita por Encarna Alonso): de esquerda a dereita temos a Javier López, Claudia Pena, Jorge Taboada, Sheila Carbia, Agustina Bentos, Antón Sampedro e Xosé Manuel Olveira “Pico” (dep)

Foto: Encarna Alonso

Conta ademais cun agasallo inesperado: unha canción de Fran Amil para pechar a aventura, titulada “Todos ou ninguén”, que non aparece nos créditos da película por puro despiste do seu director (ten irmáns para isto). Podemos datar nesta época a idea do proxecto Chuches Amil, aínda de xeito non consciente, pois para esta película naceu unha das cancións máis salientabeis dun repertorio insuperable: “Con ou sen consentimento”. A canción foi desbotada a última hora porque non houbo tempo para montar a coreografía axeitada, aínda que se recuperou para o disco “Monstros. Con ou sen consentimento”. O feito de que a canción apareza no título do disco xa indica a importancia da mesma para nós.

Foto: Encarna Alonso

Na foto feita por Encarna Alonso vemos a Miguel Pernas moi ben acompañado, exercendo de curioso mestre. Ah, teredes que ver a peli para saber que pasa aquí.

Déixovos con estas fermosas palabras de Pepe Coira sobre o filme: “É unha película de aventuras para nenos, o que xa abondaría para facela singular. Pero hai varias razóns máis para animarse a descubrir esta película singular, notable polo seu xénero, insólita pola súa aposta estética e narrativa. Unha película pillabana, feita de emoción e paixón.”

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información en nuestro aviso legal.



Acepto