Novas

Guía para mestr@s e educador@s

Nesta guía amosamos como sacar partido ás moitas seccións da páxina de Chuches Amil, para xogar e cantar coas crianzas: cancións, contos, banda deseñada, ilustracións para empregar como fondos de pantalla de diferentes dispositivos, debuxos para colorar… Minutos e minutos de sa e didáctica diversión. Anímense a descubrir todas estas marabillas!!!

Comezamos o noso percorrido pola sección que dá orixe e sentido á nosa páxina: Cancións.

Nesta sección temos acceso ás extraordinarias, pegadizas, lúdicas e festeiras cancións que alimentan os dous discos de Chuches Amil, publicados pola editorial Galaxia na colección Sonárbore. Unha formidable ocasión para comezar cada día escoitando unha canción na aula. Unha recarga de enerxía e positivismo que podemos ampliar con relatos, debuxos e historietas relacionadas coas cancións.

Na sección Relatos podemos atopar os contos relacionados coas cancións e os concertos de Chuches Amil, ilustrados todos con debuxos.

Contos fantásticos que axudan a ampliar vocabulario, e que teñen de seu unha profunda carga de humanismo, comprensión e aceptación da diversidade, e un pouso literario propicio para axudar a unha primeira lectura con máis dunha interpretación (faceta na que é imprescindible a participación d@s educador@s) para sinalar e potenciar estas devanditas características.

Na sección Chucherías ofrecemos tres subseccións moi aconsellabeis, que ademais de axudar á rapazada a desenvolverse axeitadamente coas tecnoloxías dixitais, resultan moi divertidas, e están cheas de agasallos.

Na subsección “Cancións” de “Chucherías” atopamos versións inéditas ou variacións das cancións xa coñecidas dos álbumes, que podemos descargar nos nosos dispositivos e escoitar cando nos pete sen ter que estar conectados á páxina ou a internet, e ademais temos como agasallo láminas para descargar e colorar.

Na subsección “Fondos de pantalla” de “Chucherías” temos acceso a ilustracións das marabillosas cancións de Chuches Amil debuxadas por ilustrador@s galeg@s de prestixio como Xosé Cobas, Manel Cráneo, Xulia Pisón, Laura Romero, Javi Montes, Laura Pato e outr@s moit@s que fornecerán unha colección única en Galicia, e que poden ilustrar os nosos móbiles, tablets, ou monitores de ordenadores. Podemos baixar todas as ilustracións e cambiar cada día o noso fondo de pantalla co que sorprender a amig@s e familiares!!!

Na subsección “Banda Deseñada” de “Chucherías” podemos ver e ler historietas que teñen o mesmo título que moitas das cancións de Chuches Amil, o que completa unha panorámica educativa de primeiro nivel: música, literatura, debuxos, historietas, ou o que é o mesmo, diversos xeitos de contar a mesma historia en diferentes soportes e técnicas. E axiña teremos incorporacións que farán da páxina Chuches Amil a oferta máis completa de entretemento e educación en galego para as crianzas.

A sección Galería ofrece outros xeitos de seguir adentrándose no mundo inesgotable de Chuches Amil:

A subsección “Videos” de “Galería” permite achegarse tanto aos videoclips como a fragmentos de actuacións de Chuches Amil, así como as versións que fai o alumnado dos diferentes centros educativos de Galicia en videoclips fermosos e emocionantes.

A subsección “Fotos” de “Galería” aglutina álbumes de imaxes que recollen diferentes actuacións de Chuches Amil, pero que en vindeiros cursos ofrecerá álbumes orientados por temáticas de enorme interés didáctico, aberta a recoller suxestións de mestr@s e educador@s.

A subsección “Ilustracións” de “Galería” recolle as ilustracións que se agasallan na sección “Chucherías”, pero engade información anecdótica sobre quen as fixo e a súa relación con Chuches Amil.

A subsección “Medios” de “Galería” permite enlazar coas diferentes intervencións de Chuches Amil nos medios de comunicación.

A subsección “Colaboradores” de “Galería” ofrece fichas que recollen a traxectoria d@s diferentes colaborador@s de Chuches Amil nos eidos da música, a ilustración, a creación dixital, etc. É unha sección única porque significa o recoñecemento do traballo en equipo, o agradecemento ás colaboracións e aportacións que outr@s fan ao noso traballo.

A subsección “O que dixeron de nós” de “Galería” almacena críticas e opinións verquidas sobre o proxecto Chuches Amil nos diferentes medios de comunicación.

A sección Novas ofrece unha perspectiva actualizada das diferentes accións que teñen que ver con Chuches Amil perante cada un dos meses do ano.

A sección Inicio destaca as publicacións da páxina, a cotío cunha entradas semanal, para acceder axiña á información buscada.

Outrosí, nesta mesma sección hai sempre unha publicación co índice de artigos mensuais, que principia sempre cun refrán popular galego tratado con humor.

Confiamos en que este pequeno repaso polas seccións que compoñen a páxina Chuches Amil sirva para afondar en iniciativas a desenvolver co alumnado nas aulas de infantil que se preocupan de ofrecer alternativas cheas de ilusión e bon facer. Chuches Amil, diversión e aprendizaxe a eito!!

Seguiremos informando, porque para este curso temos algunhas propostas innovadoras que vos iremos achegando segundo vaian saíndo do forno.

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información en nuestro aviso legal.



Acepto