Novas

Os concertos de Chuches Amil para 2026 (posteado o 7 de maio)

Boas, amigas e amigos de Chuches Amil. Despois de varios concertos nos primeiros meses do ano, comezan a concretarse outros concertos. Debullemos as datas que temos por diante.

Fainos moita ilusión cada vez que Chuches Amil abre vieiros novos. Desta volta, imos adentrarnos nas terras ourensáns. Imos percorrer a orografía Oteriana polos trazados do mapa de Fontán (don Ramón tiña un exemplar fantástico no pazo de Trasalba e o fixo protagonista do seu libro Arredor de si, como ben sabedes, a través do episodio derradeiro entre Bernaldo e Adrián). Achegarérnonos ás ribeiras do río Arnoia, para levar xolda a esgalla a San Pedro de Ribeira, en Baños de Molgas, co gaio do programa Cultura no Camiño. Seguindo o vieiro do mesmo programa, achegarémonos ata a praia fluvial de San Clodio, no concello lucense de Ribas de Sil, para levar a maxia do dúo formado por Moncho do Orzán e Fran Amil que tanto nos presta e que estamos a preparar con moito agarimo.

Tamén imos estar en Carral, por duplicado. Na biblioteca e no Campo da Feira. Dúas datas distintas. Dous conceptos distintos. A mesma enerxía e toda a calidade e agarimo de cada proxecto de Chuches Amil.

En Sada imos actuar no Ceip Pedro Barrié de la Maza dous días seguidos, en tres ocasións diferentes, para cubrir todo o espectro formativo do centro. Tres concertos con tres repertorios diferentes, porque Chuches Amil temos cancións a eito parar armar a festa con sorpresas e calidade a mancheas. E moito agarimo por este centro das mariñas coruñesas.

Actuarremos en dous festivais de verán. Porque nos presta moito estar de festivaleo, abofé. Atoparédesnos en Salceda de Caselas, na provincia de Pontevedra, alá polo mes de xullo. No mes de agosto estaremos en Boimorto, nese espectacular Festival de la Luz no que debutamos no ano 2015, cando sacamos o noso primeiro disco: Un conto ao revés. E temos un formato sorpresa, que non podemos contar ata o propio día da actuación ou datas próximas.

Para rematar, contarvos que estaremos, outro ano mais, actuando nas bibliotecas galegas dentro do programa Ler conta moito. Estaremos en Carral (cun obradoiro de pandeiro vegano) e tamén en Oleiros (cun contacontos fresco e áxil).

En canto podamos confirmar máis datas, xa vos teremos ao tanto.

Non vale parar. Xa coñecedes o retrouso: Chuches Amil. Música con vida. Chuches Amil. Música infinita.

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información en nuestro aviso legal.



Acepto