Presentación da iniciativa popular Xabarín para mellorar a programación televisiva infantil e xuvenil en galego
Hoxe, mércores 30 de setembro de 2020, presentouse no palco de música do parque da Alameda, en Santiago de Compostela, unha iniciativa de carácter popular para procurar unha canle de contidos infantís e xuvenís na Tvg.
Unha iniciativa necesaria para promover unha programación infantil e xuvenil na fala de noso, na que apuntamos que sería absolutamente menester que parte deses contidos fosen de produción galega.
Chuches Amil estivo na presentación e dixo: “queremos unha canle infantil en galego, e un porco bravo de estrela”. Xabarín e Os porcos das fragas do Eume fouzaron cos seus cairos de ledicia facendo regos na terra, e aplaudiron a súa intervención. E saudaron a xuntanza de tanta boa peza da música galega e tan querida como Chuches Amil, Pakolas ou Pablo Díaz, entre outros.
Neste boceto de Javi Prieto para o libro-Cd de Chuches Amil Un conto ao revés temos aos porcos bravos das fragas do Eume a celebrar o éxito desta convocatoria.
Axiña haberá puntos de información de onde e como asinar a prol desta iniciativa. Estade atentos ás redes.