Novas

Recuncando por segunda volta este ano na “Hora do Conto”

Por segunda vez este ano 2023, temos a honra de participar coas nosas cancións e contos na “Hora do conto”, da rede de Bibliotecas Municipais de Oleiros.

Este marabilloso agasallo que a rede de Bibliotecas Municipais de Oleiros ofrece á rapazada do concello conta con algúns dos nomes máis senlleiros da música e d@s contacontos galeg@s. Aí é nada ter na nómina de convidad@s a Pakolas, Paco Nogueiras, Ramiro Neira, Trinke Trinke Teatro, Paula Carballeira, Charo Pita, e moit@s outr@s que forman un elenco insuperable.

Que teñan no pensamento a Chuches Amil é moi de agradecer, pois esta é cuarta vez consecutiva que participamos neste evento. De cada volta que nos chaman, alá imos a tres ou catro bibliotecas oleirensas. En todas atopamos un público excepcional, entre os tres e seis anos. E tamén cativada de ano e pouco e dous anos, que levan dentro do seu corpo o ritmo e a música.

Os contos e as cancións de Chuches Amil priorizan e estimulan a participación d@s asistentes, e converten o acto nunha festa rachada onde a cativada canta, baila e fala arreo con Fran Amil.

Arrancamos xoves 19 de outubro, ás 18:30, na Biblioteca Municipal Xograr Mendiño, en Lorbé, co espectáculo “O conto de sempre contado ao revés”. Hai que chamar ao teléfono 981 618 201 para reservar asistencia, porque hai aforo limitado. Poderase inscribir desde dez días antes da data de realización da actividade. Bulide, insensat@s, que as entradas voan!!

Luns 23 de outubro podedes vernos, ás 18:30 horas, na Biblioteca Municipal María José Ruso en Dorneda, co espectáculo “O conto de sempre contado ao revés”. Reservar asistencia no teléfono 981 626 638.

Xoves 16 de novembro podedes vernos, ás 18:30 horas, na Biblioteca Central Rialeda en Perillo, tamén co espectáculo “O conto de sempre contado ao revés”. Reservar asistencia no teléfono 981 639 511.

Chuches Amil, música con vida. Chuches Amil, música infinita.

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información en nuestro aviso legal.



Acepto