Relatos

Debuxo: Pedro Vázquez Santos Debuxo: Pedro Vázquez Santos

Samaín (IV): Un Samaín de medo

Pasou en Arnuide, no concello de Vilar de Barrio en Ourense. Fumos convidados a tocar na festa do Samaín, e aló nos presentamos coa intención de meter medo ao aburrimento coa nosa música.

Obxectivo acadado, porque xa sabedes do poder musical de Chuches Amil, e porque os anfitrións prepararon unha festa inesquecible, con pinturas e maquillaxe para colorar un Samaín como poucas veces se ten visto.

O máis abraiante era o grao de realismo acadado coa maquillaxe. Máis dun esquelete semellaba real e non disfrazado.

Como un que apareceu na metade do concerto, cando Chuches Amil cantaba Noite de Samaín, e non deixaba de bailar e aconchegarse a Fran a dicirlle cousas ao ouvido. Fran, de primeiras, ría divertido, pero logo volveuse esbrancuxado e serio.

Cando voltamos para a casiña, pregunteille a Fran que cousa lle dicía o esquelete disfrazado, pero Fran nunca mo quixo dicir.

Ao día seguinte do concerto, no cemiterio de Arnuide atoparon a pedra dunha tumba arrombada e un feixe de ósos desgastados na entrada da tumba. Os ósos estaban desgastados como se o seu dono non parase de bailar en toda a noite, segundo afirmou o forense da localidade. ¡Desgastados de tanto bailar!

Cando se enterou da nova, a Fran esbranquexoulle o pelo da cabeza.

E nós que nos presentamos en Arnuide coa intención de meter medo ao aburrimento coa nosa música, sen imaxinar que seriamos nós os que haberiamos ter medo a eito.

Sede felices e bailar todo o que vos pete, pero con coidado de non acabar nos ósos.

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información en nuestro aviso legal.



Acepto