Concerto de Nadal gravado de Chuches Amil
Hoxe temos unha entrada extraordinaria: o primeiro concerto gravado de Chuches Amil con toda a banda,
por encargo do programa Apego para Normalización Lingüística do concello de A Coruña.
O concerto foi gravado o luns 14 de decembro nos estudios A Ponte, en Roxos, parroquia de Santiago de Compostela, tendo como técnico de son e mesturas a Tomás Ageitos, na iluminación e control das cámaras a José Luis Padín “Chou”, na realización a Carlos Amil, e na produción a Fran Amil e Carlos Amil.
Pero o aspecto que realmente nos interesa está diante da pantalla: a fabulosa banda que arrodea a Fran Amil, voz solista e guitarra acústica, Miguel Paz a cargo da batería e das voces do coro, Antón “Torroncho” no baixo, Plácido García na guitarra eléctrica, e Fernando Román no saxo soprano. Un luxo de grupo para que pasedes unha sesión festeira coa mellor música que se pode escoitar hoxe.
E atención: poderemos desfrutar do concerto tantas veces como nos pete, dende o día 19 de decembro ata o 19 de xaneiro de 2021. Para pasar unhas festas de nadal con moito ritmo e alegría. Boas festas!! E coidádevos moito.