Novas

Fotos: Carlos Amil Fotos: Carlos Amil

Crónica Fran Amil en As Pontes

Na ”VI Cita coa Historia” en As Pontes, Fran Amil agromou entre a néboa e as luces aos acordes do saxo tenor de Gueorgui Oganesian para ofrecer a súa marchosa versión dos rosalianos versos do poema Negra sombra. Unha descarga inédita de funky e fusión con aires celtas que deixou a máis de un abraiado.

Se nos achegamos polo Campo da Festa, a carón do río Eume, é probable que aínda atopemos as pegadas da sombra dos pés que bailaban.

Tamén sonou a versión disco funky fusionada coa música tradicional a traverso da pandeirada da cantiga Ondas de San Simón. Unha amosa do talento de Fran Amil para facer cancións pegadizas sen renunciar unha miga ao compromiso coa calidade musical.

Ámbolos temas son adianto do vindeiro disco de Fran Popsía vol I, unha colleita de poemas da lírica galega traducidos musicalmente en clave pop, rock, soul, funky, etc.

Neste concerto estreouse a inédita canción “Coma brasas”, que tamén formará parte de “Popsía”. Poema de José María Díaz Castro, arranca o tema en clave ska para mudar en rock e fusionar co folk. Unha sorpresa benvida.

O disco de Fran Amil “A voz do vento”, no que musica a privilexiada voz do poeta chairego Manuel María, substentou grande parte da velada. Cancións moi consistentes, como “Son un forasteiro”, “Agora que gastei os meus outonos”, “Nós somos como o aceiro” ou “Aínda teño esperanza” encheron de esperanza e sorpresa a noite de As Pontes. Punto álxido deste concerto foron as emocionantes interpretacións de “Poema do alleado” (que mereceu un bis acanda o bis de “Negra Sombra”) e o blues “A nosa historia”, que arrancou os aplausos enfervorizados dos presentes. Ámbolos temas tamén pertencentes ao álbum “A voz do vento”.

Foto: carlos amil

A sorpresa da noite, alén das presentacións do vindeiro disco, foi o ben que funcionaron e fusionaron os temas extraídos do disco de Chuches Amil “Monstros. Con ou sen consentimento”. Baladas como Son un lobo bo, rumbas como Noite de Samaín, proclamas funk como “Con ou sen consentimento” e cancións inclasificabeis como O porvir é meu.

Hai que recoñecer que moito axudou unha extraordinaria banda co citado Oganesian a cargo do saxo tenor, Miguel Vázquez roncando na gaita e no saxo soprano, Ángeles Dorrio coa súa potente e cálida voz nos coros, Bernardo Pita na guitarra eléctrica, Miguel Paz batendo con mestría na batería e Antón Torroncho sostendo no baixo esta máquina de mallar que arroupa a voz e a presenza estelar de Fran Amil.

As Pontes, unha boa praza para encher a noite de versos e música engaioladora.

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información en nuestro aviso legal.



Acepto