En xaneiro, abrígate con dúas capas e un sombreiro
Abriguémonos ben, que coa lúa de xaneiro vese a formiga no carreiro. A lúa chea máis grande do ano, acanda a do mes de agosto, deita tal cantidade de luz, que ben poderiamos aforrar en electricidade de nos deixar alumear por ela. Tanto resplandece a lúa de xaneiro como o cancioneiro inesgotable de Chuches Amil.
Aproveitando o ano novo, volvemos cunha das estrelas da nosa páxina: a banda deseñada protagonizada por Chuches Amil, guionizada por Carlos Amil e debuxada magnificamente por Brais Fierro. Desta volta, estreamos unha historieta titulada como unha das nosas marabillosas cancións: Pequerrecho, melenudo. Podes escoitar a canción neste enlace.
Como cada mes, recomendámosvos que non deixedes de botarlle un ollo á Guía para mestr@s e educador@s, para facer un percorrido que vos axude a sacar proveito das moitas e marabillosas seccións que temos espalladas polas páxinas da vosa páxina web favorita.
Recomendámosvos outrosí que lle deades unha oportunidade á escoita da marabillosa e festeira canción que Chuches Amil vén de estrear neste andal: O apalpador, recén chegado de O Courel. O hit imparable do Nadal, que a tanta xente fixo bailar. Lembrade: Chuches Amil, música con vida. Chuches Amil, música infinita.
Este mes presentamos a segunda entrega da serie “Letras e Acordes”, co protagonismo dun dos nosos maiores éxitos, a canción Con ou sen consentimento. Para que vos atrevades a cantar e tocar as cancións de Chuches Amil, adxuntamos tamén un videoclip onde podedes facer o karaoke. Chuches Amil, a música que mola. Chuches Amil, música para cantar e bailar.
Cun aquel de retraso atopamos esta reseña tan curriña sobre o noso disco Monstros, con ou sen consentimento. Certo, nunca é tarde se a nova é boa.
Saúde e cancións de Chuches Amil, meus e miñas.