Novas

Debuxo: Brais Fierro Debuxo: Brais Fierro

No mes de Nadal gárdate a carón do lar

Este Nadal máis ca nunca, a ver se somos quen de afastar ao becho. Como este ano todos tivemos que gardarnos nas nosas casiñas pola noite, os monstros nocturnos pasaron moita fame, porque non poideron chuchar en alma ningunha. Afortunadamente, nós non botamos de menos poder saír a ningures porque abondo nos divertimos con esta nosa/vosa páxina favorita. Aquí brindamos outro divertido índice de artigos do mes.

Arrancamos coa nova do proxecto alternativo de Fran Amil, que presenta un adianto do seu vindeiro disco Popsía Vol I. Música irresistiblemente atraínte para galanar textos inmorredoiros. Un disco con vocación de pegada para moitos anos, composto para achegar o tesouro da lírica galega ao meirande número de ouvintes sen distinción de idades. Ou como dirían os tres mosqueteiros: “Un disco para todos, todos para un disco”.

Que medo pasamos no Festival de la Luz en Boimorto cando no medio da actuación vimos A nena que levitou. Botádelle unha ollada ao relato na sección Biografía, e entenderedes o noso arrepío.

Chega Nadal, tempo de agasallos. Pero xs siareirxs da nosa páxina saben ben que nesta nosa/vosa páxina favorita vivimos todo o ano de agasallos, así que este mes anunciamos xs gañadores do sorteo de novembro feito entre xs subscriptores. Levan un cd-single (Aleluya de Fran Amil, adianto do seu vindeiro disco “Popsía Vol I”) por semana, e o libro cd Monstros. Con ou sen consentimento

E falando de agasallos de nadal, o fondo de pantalla deste mes é peludamente fermoso e abraiante: a marabillosa ilustradora Xulia Pisón fai a súa versión da nosa canción “Merry Christmas, peludos“e a nosa páxina énchese de panxoliñas e tempo de paz e amor para todxs (vale, é certo, que o resto do ano tamén temos paz e amor para todxs, e así o proclamamos en cada artigo desta vosa/nosa páxina favorita, pero no nadal semella o seu, nos vos parece?).

Outro agasallo fermoso e inesperado foi o concerto de Nadal 2020 de Chuches Amil, “Monstros con ou sen consentimento”, para o programa Apego para Normalización Lingüística do concello de A Coruña. Un concerto que estará pendurado das redes dende o 19 de decembro ata o 19 de xaneiro. Non o perdades!

A páxina gábase da nova que achegamos sobre a estrea na TVG2 da película A casa da luz, dirixida por Carlos Amil. Se ledes a nova, veredes a relación curiosa da peli con Chuches Amil.

E ben abraiante foi o que sucedeu no concerto que dimos en Xuvia, no concello de Narón. Se queredes sabelo, teredes que ler o relato Festa dos manequíns, marabillosamente ilustrado por Anxo Padín.

Rematamos o mes (e o ano) cunha felicitación de Nadal moi especial por parte de Chuches Amil.

Agardamos que o vindeiro ano sexa o do fin da Era da Pandemia Confinante, pero non baixedes a garda. Prestade moita atención e manter as medidas de seguridade. A vida importa, máis ca nunca. E vós sodes a vida. Querémosvos. Coidádevos.

Lembrade que cada tres ou catro días engadimos un novo artigo. Non deixedes de visitarnos a miúdo!!!

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información en nuestro aviso legal.



Acepto