Novas

Debuxo: Brais Fierro Debuxo: Brais Fierro

Se novembro empeza ben nada hai que temer

Os días minguan e as noites medran, as castañas quecen as mans e os bandullos dos que gostan de ruar, e os frikis e os vampiros fregan as mans e os cairos porque saben que as castañas que despois de San Martiño quedan no souto, son do moucho. Para facervos máis levadeiro este preinverno, e para darlle razón ao proverbio co que encabezamos o artigo, poñemos á vosa disposición o divertido índice de artigos do mes.

E non podiamos comezar mellor que co relato A nena espello que atopamos no concerto dado por Chuches Amil no auditorio do Centro Cívico de Meicende, en Arteixo. Gozade co debuxo de Alba Martínez.

Na sección Galería, subsección Videos, atoparedes unha sorpresa que nos deixou a resaca do Samaín: o videoclip “Noite de Samaín”.

Unha nova ficha de colaboradores preséntanos a unha cantante de altura: Sara Vázquez.

Tiramos a casa pola ventá!!! e anunciamos xs gañadores do sorteo de outubro feito entre xs subscriptores da nosa páxina, correspondente ao mes de outubro, no que se agasallou cun cd-single (Negra Sombra de Fran Amil, adianto do seu vindeiro disco “Popsía Vol I”) por semana, e o libro cd Un conto ao revés

O fondo de pantalla deste mes é monstruosamente rechamante e abraiante: a marabillosa ilustradora Laura Romero fai a súa versión da nosa canción O Monstro Orquestra, e a nosa páxina énchese de ritmo.

Seguimos medrando as fichas de colaboradores. Desta volta, temos a honra de contar coa colaboración do extraordinario trompetista Manu Payno

Na sección Galería, subsección Fotos, o álbum Meicende, marzo 2019 ten engadido un comentario en cada foto que o conforma. Outrosí, acontece o mesmo no álbum de fotos III Miúdo Fest.

Os contos de toda a vida seguen a ser o sustento de moitos relatos hoxendía, sexa como referentes directos ou indirectos. O que hoxe traemos á sección Biografía é doado de adiviñar, pois leva por título O flautista de Amilín. Desfrutádeo, que vén con ilustración de Mario Brenlla.

Atopamos esta marabillosa versión de O porvir é meu feita polo CEE Nosa Señora do Rosario de A Coruña, na que podemos ollar unha adaptación á língua de signos bailada e interpretada de óscar. Emoción a mans cheas! Tamén podedes vela na sección Galería, subsección Videos.

Medramos a sección Colaboradores coa incorporación da ficha do baixista Antón Díaz, unha apisoadora enriba dun escenario.

Xa temos tódalas seccións e subseccións operativas!! Na sección Galería, subsección Ilustracións podemos atopar os magníficos debuxos argallados polxs mellores artistas galegxs dos lapiseiros para os fondos de pantalla cos que agasallamos axs nosxs siareirxs. E ao pé de cada ilustración engadimos unha pequena nota cunha anécdota, unha graza, un conto. Bótalle unha ollada!

A banda deseñada deste mes, guionizada enxeñosamente por Carlos Amil e debuxada espectacularmente por Brais Fierro, ofrécenos unha marabillosa e insólita aventura protagonizada por Lobo Bo. Alá vós se deixades aos vosos ollos sen semellante regalía!!

Lembrade que cada tres ou catro días engadimos un novo artigo. Non deixedes de visitarnos a miúdo!!!

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede cambiar la configuración u obtener más información en nuestro aviso legal.



Acepto