Outubro, sinfonía de cor nas árbores
Que fermoso é outubro escoitando a contaxiosa música de Chuches Amil, visitando as fragas cheas de cores outonais, desfrutando cxs amigxs, e botando unha ollada ao prometedor índice de artigos do mes.
Comezamos cunha nova ficha dos extraordinarios colaboradores de Chuches Amil, aqueles que fornecen o noso proxecto de calidade, paixón e exquisitez. Como a que atesoura Aarón Bouzón.
Temos tamén a crónica dun concerto recén saído do estrado privilexiado do Parque de Eirís
Na sección “Biografía” atopamos un abraiante sucedido nunha actuación de Chuches Amil: O neno invisible, ilustrado por Unai Miguel. Ceibade un “ohhh” ben grande, e se non credes o que contamos, volver ler o artigo tres ou catro veces, a cada volta máis rápido, e xa nos decides que vos pasou.
Unha nova ficha de colaboradores preséntanos a un artista renacentista en espíritu e moi querido polos autores desta páxina: Manel Cráneo.
Comprácenos anunciar xs gañadores do primeiro sorteo feito entre xs subscriptores da nosa páxina, correspondente ao mes de setembro, no que se agasallou cun cd-single (Negra Sombra de Fran Amil, adianto do seu vindeiro disco “Popsía Vol I”) por semana, e o libro cd Un conto ao revés
As aventuras de Chuches Amil espállanse en mil direccións. Hoxe collemos a encrucillada da banda deseñada para acompañalo na súa loita Contra o monstro Covid-19.
A ficha de colaboradores acolle tamén este mes a Tomás Ageitos, outro deses personaxes ben queridos por estar acanda nós no noso nacemento.
Se queredes coñecer unha historia sorprendente, lede o relato Pintando nas paredes, cun abraiante debuxo de Anxo Padín. É para volverse tolo ou non é?
Estade atentos, que a vindeira semán comezaremos cun especial Samaín, na que relatos, fondos de pantalla e tebeos xirarán arredor desta data tan especial e tan querida polxs galegxs.
Na ficha de colaboradores agroma Juan Lesta, polifacético artista audiovisual que fai medrar a nosa benquerida familia colaboradora.
Pois xa comezamos a publicación especial adicada ao Samaín, e comezamos lembrando que podedes descargar de balde a canción Noite de Samaín de Chuches Amil.
O fondo de pantalla deste mes tamén o adicamos ao Samaín, cunha fermosa ilustración de Javi Montes sobre a mesma canción de Noite de Samaín. Alto aí, madia leva!!! Estamos tan tolos que fixemos dúas versións da ilustración, a primeira en horizontal, máis acaída para tablets e ordenadores, e a segunda en vertical, perfecta para móbiles. Ou para imprimir e poñer nas paredes das vosas casas.
Un Samaín de medo só pode meter medo… e ser divertido. Outro relato arredor dunha data pavorosamente divertida, cun fermoso debuxo de Pedro Vázquez Santos.
Rematamos o mes como se estivesemos en Hollywood, cunha superprodución en formato tebeo. Tres máxicas páxinas debuxadas por Brais Fierro seguindo o guión de Carlos Amil dunha aventura terrorífica titulada… Noite de Samaín. A orixinais non nos gaña ninguén.
Saúde e cancións de Chuches Amil, meus e miñas.